Concello de Boborás


O Concello de Boborás en colaboración coa Deputación de Ourense, e a través do Centro de Estudios Chamoso Lamas pon en marcha a actividade dos “Roteiros Culturais” polo noso municipio, co fin de dar a coñecer os recursos naturais, culturais, patrimoniais e etnográficos de cada unha das nosas 14 parroquias.  O coste desta actividade na súa totalidade será de 4.053 euros, financiado nun alto porcentaxe pola Deputación de Ourense.

A actividade principal será a divulgación dos recursos antes mencionados, que posúe o Concello de Boborás. En concreto esta programación cultural farase en cada unha das parroquias do municipio, exceptuando o caso de Brués, no que haberá dúas, co fin neste caso e sendo a última unha delas, a de ver a evolución do monte de Coto Molín tralo incendio que o asolou en setembro de 2016.

As visitas programaranse dende abril e ata novembro, cunha media de dúas por mes. Serán os domingos de 9.30 a a 13.30 horas. Dende o Concello farase difusión de cada unha delas, tanto entre os veciños e as veciñas da parroquia en cuestión, así como do resto do Concello e entre os numerosos visitantes que recibe ao longo do ano procedentes de diferentes partes do mundo, e que quedan asombrados polo inmenso, fermoso e importante patrimonio que o noso municipio posúe.

Debido ao gran numero de recursos visitables que ten o noso concello, para este 2017 faranse os roteiros por partes concretas de cada parroquia, quedando aínda recursos por ver nos roteiros culturais que se prevén realizar no ano 2018.

As visitas levaranse a cabo da man dos historiadores e arqueólogos, Xosé Luis Sobrado e Jorge Lamas, así como o biólogo Diego Reboredo e o investigador Juanjo Álvarez, entre outros. Este último será o encargado de incluír en dúas das visitas unha experiencia de arqueoloxía experimental.

Para asistir a estes roteiros, non fará falta ningún tipo de inscrición, chegará con presentarse na hora indicada en cada un dos puntos de encontro que se marquen. A asistencia será gratuíta para os que participen e recomendase que traian calzado cómodo para camiña, así como auga e algunha froita ou froito seco.

 

<